Monday 13 de May de 2024

Medio Ambiente prevé que a planta de Nostián poida incrementar nun 15% a recuperación e reciclaxe dos residos grazas ás melloras nas súas instalacións


A conselleira de Medio Ambiente presidiu esta mañá a reunión da Comisión de seguimento do Convenio Marco Xunta Ecoembes, na que se presentaron as actuacións que se levarán a cabo nos vindeiros meses para mellorar os ratios de recuperación de materiais

Dende a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio calculan que as melloras que dende hoxe se poden iniciar na planta de Nostián as áctuacións de mellora da instalación, que permitirán incrementar nun 15% a recuperación e reciclaxe de residuos.

Esta foi unha das conclusións que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, puxo de manifesto esta mañá na reunión da Comisión de seguimento do Convenio Marco Xunta Ecoembes, e na que se aprobou un informe técnico no que se detallan as actuacións que se levarán a cabo nos vindeiros meses para mellorar os equipamentos desta planta de tratamento, tal e como se esixe no novo convenio marco asinado entre a Xunta de Galicia e Ecoembes- cuxa vixencia se prolongará ata o ano 2021.

Entre as melloras que se plantexan destacan o cambio de cribas en trómeles, a instalación dun novo separador balístico ou a ampliación da capacidade do sistema de aspiración do filme. Tamén sinalou que para mellorar a recuperación de metais da planta, instalarase un separador magnético e outro de indución na actual planta de afino do bioestabilizado ou a instalación dun novo bunker, coa finalidade de regular a entrada de material rodante á zona de ópticos e alimentar os equipos de forma continua.

A conselleira aclarou que o paso avanzado esta mañá non se puido dar ata o de agora, dado que non se contaba coa memoria técnica necesaria que debía aportar a Administración local; polo que se perderon catro meses de traballo, xa que en xaneiro deste ano a Xunta xa habilitou unha contía de 600.000 euros para levar a cabo os investimentos que permitan realizar estas obras e que redunden nun incremento do rendemento da instalación de Nostián, no Concello da Coruña.

Nese sentido, solicitou aos responsables do Concello da Coruña un compromiso firme e traballo en positivo para iniciar a contratación das obras que melloren o rendemento da planta de tratamento, toda vez que se aprobou o informe técnico que afianza a posibilidade de realizar un investimento que aporta a Xunta, a pesar de non ser o titular.